Jesús Fernández á cabeza da proba de Optimist de Riveira
Un centenar de embarcacións na Ría de Arousa nunha primeira xornada que contou co apoio do vento. Marcos Cordeiro comanda no Grupo B e Francisco Ventoso no Grupo C
Sábado, 6 de febreiro de 2010. - O vento na Ría de Arousa, á marxe de ser o factor meteorolóxico clave en calquera regata, hoxe converteuse no mellor aliado do Comité da proba de Optimist celebrada en Riveira, presidido por Francisco Javier Pérez Lafuente, que puido ver cumpridas as catro probas que hoxe se propuxo completar, unha máis do previsto para esta xornada, pero coa que salvaba o mínimo necesario para complementar as restantes mangas clasificatorias que determinarán o seleccionado galego que acudirá a Gijón a disputar a Copa de España da especialidade.
Os novos regatistas da vela infantil galega saíron puntuais á auga. Ás 12.00 horas os 106 barcos descendían pola rampla do Club Náutico e Deportivo de Riveira, anfitrión da cita, poñendo rumbo cara ao campo de regatas que se montou a medio camiño entre Riveira e a illa pétrea da Rúa.
Os datos que facilitaba o balizador non podían ser mellores. Vento do 210, sueste, e 1º nós estables. O barlovento montouse a 0,35 millas. A dirección mantívose nas tres primeiras mangas, rolando cara á dereita na cuarta, para quedar de sur. O compás marcaba 180 graos e a boia estaba a 0,38 millas.
Tras estas primeiras catro probas a clasificación xeral global está liderada polo regatista riveirense Jesús Fernández. Ségueo Javier Rodríguez, do Real Club Náutico de Vigo, na segunda praza. Terceiro é Eduardo Reguera, do Club Marítimo de Canido, e cuarto, Andrés Álvarez, do Real Club de Mar de Aguete. A quinta praza provisional é para Pedro Martínez, tamén de Vigo.
O Grupo B está comnadado polo regatista do náutico vigués Marcos Cordeiro, e o Brupo C por Francisco Ventoso, do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Mañá o Comité intentará completar as dúas mangas restantes, pechando o programa oficial do trofeo, coa mirada posta no ceo ante a previsión da entrada dunha borrasca que puidese desbaratar a celebración das probas pendentes para esta xornada dominical.
«VOLVER Á LISTAXE