“MUMMY”, “CORMORÁN 05”, “ARROUTADO II” E “PITOUCHO” IMPÓÑENSE NO RCNV
A seguinte proba o próximo sábado día 13 de Febreiro cun percorrido de tipo Barlovento/sotavento a partir das 16.00 h.
Luns, 8 de febreiro de 2010. - Tediosa e difícil tarde o sábado pasado na Ría de Vigo con motivo da celebración da 3ª manga válida da Regata OPEN DE INVERNO que organiza o Real Club Náutico de Vigo para Cruceiros ORC e Platú 25, cunhas condicións pésimas de vento, que se nun principio parecían favorables, xa a metade do primeiro tramo comezaron a ser fatais con roles constantes e baixadas de intensidade alarmantes á parte dos conseguintes "pozos" de vento onde a sorte foi un actor dominante, aínda que hai que recoñecer que o grupo de cabeza sempre estivo aí. A tarde gris poñíase de acordo co sentir dos regatistas polo recente óbito do querido tripulante do "NORDÉS", Carlos Bueno que tantos anos animou as regatas coa súa simpatía.
Saída puntual ás 16.00 h. con vento do Sueste de 8-10 nós de intensidade para realizar un percorrido de 8,1 millas virando despois da saída os puntos de Cabo de Mar, Vigo, Rodeira de Cangas e chegada final en Vigo. Pequeño role xusto nese momento que favorece a partida cara á esquerda da liña onde os barcos con máis visión do que ía pasar partiron de primeiros con diferenza. Este foi o caso de "LEASEPLAN" (Platú 25-Gonzalo Araujo-RCN Vigo; "TINTARÁN II"(First 36.7 - Jorge Enríquez-RCN Vigo) e "RÍAS BAIXAS" (Delher 36-Javier da Gándara-MRCY Bayona). Este último precisamente foi o que facendo o bordo polo sur da Ría se erguía na primeira posición e viraba de primeiro en Cabo de Mar, seguido do "MUMMY" (Mumm 30 - Rui Ramada - Yatch Club Porto) que caeu nun pozo cando ía en primeira posición polo centro da ría. Tamén aguantaban o tipo o "CORMORAN O5" (José Escudeiro-MRCY Bayona); "BOSCH COMUNICATION" (Elan 37-Ramón Ojea-RCN Vigo) o propio "TINTARÁN II" e como, non o "LEASEPLAN". De todos os xeitos, o vento comezou a cambiar de dirección en varias ocasións e a calmar alarmantemente facéndose a empopada tediosa e dura cambiando as posicións constantemente de forma que o Comité acertadamente decidiu acurtar o percorrido para que os barcos puidesen completar o percorrido no tempo límite mínimo axudados tamén pola corrente, quedando finalmente en 5,3 millas totais. E malia todo iso, moitos non conseguiron chegar. Por fin remataban en tempo real de primeiros en dura loita o "LEASEPLAN" que se desembarazaba no último momento do "MUMMY", sacando tres minutos ao segundo grupo composto por "CORMORAN 05", "TINTARÁN II", "BOSCH COMUNICATION", e "RÍAS BAIXAS". Ao final en tempo compensado gañou na global extraoficial de ORC e en División Regata o "MUMMY" con dous minutos de vantaxe, mentres que a Igualada División Regata/Cruceiro era gañada polo "CORMORAN O5" con soamente dous segundos de vantaxe sobre o "TINTARÁN II"; 20 segundos sobre o "BOSCH COMUNICATION" e 43 segundos sobre o "RIAS BAIXAS". Tras eles "MENUDETA", "SOGHUN", "A BURLA NEGRA"…pero xa a máis de minuto e medio. A División Cruceiro/Regata foi igualada tamén, gañando o "ARROUTADO II" (Fortuna 9-Rodolfo Rodríguez-LM Bouzas" con soamente 4 segundos de diferenza sobre o "TRASTO" e xa máis de 15 minutos ao "BALTEA". En Cruceiro/Extra fixo novamente un primeiro o "PITOUCHO" (Yatlant 24-José Ruiz-LMB Bouzas) que sacou un minuto e 17 segundos o "DEEP BLUE" e máis de 18 ao "SOMNI PRIMEIRO" que leva un lendario regatista vigués que volve ás "arenas" como é Javier Santander. E en Platú 25 o "LEASEPLAN" non tivo maiores problemas para impoñerse ao n portugués "NOSADA".
Tras estes resultados, as clasificacións xerais con tres probas válidas celebradas está así:
En Regata marcha en 1ª posición o "MUMMY" con 3 puntos, seguido do "STARFIGTHER" con 8 puntos e o "TURISMO OURENSE" con 9.
En Regata/Cruceiro colle vantaxe "CORMORAN 05" con 6 puntos, seguido do "BOSCH COMUNICATION" con 9. Terceiro vai o "TINTARÁN II" con 12 puntos. En Cruceiro/Regata van empatados con 5 puntos o "ARROUTADO II" e o "TRASTO", seguidos do "PALANQUIN" con 13. En Cruceiro-Extra marcha na cabeza o "DEEP BLUE" con 5 puntos, seguido do "PITOUCHO" con 6 puntos e "DRUÍDA UN" e "SOMNI PRIMEIRO" con 12. E por último, en Platú 25 pasa a comendar a xeral o "LEASEPLAN INDUSTRIAL" con 3 puntos seguido do "CARPANTXO" con 4 e o "NOSADA" con 5 puntos.
A seguinte proba o próximo sábado día 13 de Febreiro cun percorrido de tipo Barlovento/sotavento a partir das 16.00 h.
«VOLVER Á LISTAXE